
Estudo «Como comemos? Análise do consumo de alimentos e bebidas desde unha perspectiva nutricional (2022-2024)»

Galicia mantén unha dieta equilibrada, pero reduce o consumo de froita e peixe
- O 76 % da dieta galega corresponde a alimentos saudables, por riba da media nacional do 73,5 %.
- A comunidade conserva un padrón alimentario equilibrado, pero diminúe o consumo de froitas, hortalizas e peixe respecto a 2022.
- Galicia destaca pola súa elevada presenza de legumes e un consumo de produtos frescos superior á media.
A Coruña, 13 de novembro de 2025.– Galicia mantense entre as comunidades cunha dieta máis equilibrada, segundo o estudo «Como comemos? Análise do consumo de alimentos e bebidas desde unha perspectiva nutricional», da Fundación EROSKI, que analiza o gasto e o consumo de alimentos e bebidas desde unha perspectiva nutricional, a partir dos datos do Panel de Consumo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) entre 2022 e 2024.
O informe mostra que ningunha comunidade autónoma acada os niveis ideais de consumo nos catro grupos de alimentos de consumo recomendado nos que se centra especialmente o estudo (froitas e hortalizas, legumes, froitos secos e peixe), aínda que Galicia presenta un padrón alimentario equilibrado e por riba da media estatal. Na comunidade, os alimentos de consumo recomendado diario e frecuente representan o 76 % do total, fronte ao 73,5 % da media española.
A pesar da súa boa posición, o estudo detecta signos de retroceso nalgúns grupos de alimentos clave: unha lixeira caída no consumo de froitas e hortalizas e unha redución no peixe, historicamente elevado na comunidade. Paralelamente, a carne gaña peso na dieta, o que modifica o equilibrio tradicional da dieta atlántica galega, caracterizada por un maior protagonismo do peixe en comparación coa carne.
Ademais, o informe salienta un cambio nos hábitos de consumo de lácteos, xa que descende no consumo de leites fermentados naturais mentres que aumenta no de sobremesas lácteas azucradas ou edulcoradas, o que supón unha perda de calidade nutricional neste grupo.
Pola contra, as legumes manteñen unha presenza destacada na alimentación galega e sitúanse por riba da media nacional e confirman o seu papel como un dos grupos con mellor comportamento dentro da dieta rexional.
Evolución do consumo e prezo medio
Entre os dous anos comparados, Galicia amosa unha lixeira tendencia descendente nos grupos de alimentos de consumo recomendado diario (froitas e hortalizas), cunha redución do 0,4 % no peso total destas categorías. As categorías de consumo máis recomendado no seu conxunto (froitas e hortalizas, froitos secos, legumes e peixe) só diminuíron o seu consumo nun 0,01 % en comparación con 2022. Por outra banda, as categorías de consumo ocasional ou non recomendado (doces, aperitivos e bebidas alcohólicas) manteñen unha participación estable arredor do 24 %, por debaixo da media nacional do 26,5 %. Estes datos reflicten un padrón de consumo aínda equilibrado, aínda que con marxe de mellora para recuperar os niveis de anos anteriores e manter a esencia da dieta atlántica.
Respecto ao gasto, Galicia mantén unha composición estable no conxunto da súa cesta. Entre 2022 e 2024, o gasto medio por persoa aumentou un 13 %, mentres que o volume total de alimentos consumidos diminuíu un 2 %, unha tendencia similar á que se observou no conxunto de España. O informe tamén mostra que o prezo medio por quilo dos produtos saudables é inferior ao das categorías menos recomendadas, polo que mellorar a dieta non implica un custo económico maior.
«Galicia parte dunha base sólida na alimentación saudable, pero necesita reforzar o consumo diario de froitas e hortalizas e recuperar o papel do peixe e dos lácteos naturais na súa dieta tradicional. A educación alimentaria e o acceso a produtos frescos e de proximidade seguirán sendo clave para avanzar cara a un padrón máis equilibrado», afirma Alejandro Martínez, director da Fundación EROSKI.
Acerca de FUNDACIÓN EROSKI
Fundación EROSKI es una iniciativa impulsada por EROSKI en 1997 con el objetivo de trasladar a la sociedad múltiples iniciativas de acción social, principalmente relacionadas con la investigación, innovación, promoción, educación y protección de las personas consumidoras y el medio ambiente, velando por una alimentación y hábitos de vida saludables; fomentando así una sociedad más justa, solidaria y cohesionada, siempre con el intercooperativismo como eje de su filosofía de actuación.
